Loading

O space-pop de Fábrica de Espejos

Ávolta dun Facela Fest, en 2017, naceu Fábrica de Espejos, a banda á que algúns deron en bautizar como os New Order de Chantada. En novembro dese ano publicaron o seu primeiro sinxelo, No sé qué hacer: toda unha declaración de intencións. En maio de 2018 saíu Esferas e en marzo de 2019, Astro Rey. Xuntos son “como cara A e cara B do que estamos a facer”, segundo nos conta Isaac Ferreiro, alma do grupo.

Os Inorantes citámonos con el xusto despois da súa actuación no Facela Fest deste ano, onde se encargaron de abrir (despois de Trinità) a primeira das xornadas desta cita lucense sempre recomendable. Tiñan esta data “moi marcada” no almanaque e sentíronse “guai” sobre o escenario. “Para nós, tocar nun festival é importante. Queiras que non, non levamos moito tempo, e tanto no equipo do que dispós coma a nivel cobertura, estás moito máis amparado”, comenta Ferreiro, a carón do pavillón, mentres esperamos por Nacho Vegas nun fresquiño anoitecer do día das Letras Galegas en Lugo.

Astro Rey é o nome do seu segundo EP e xunto ao primeiro, Esferas, son como cara A e cara B dun LP

“Normalmente se tocas nunha sala es ti o teu propio técnico de son e estás pendente de tocar e de como se escoita. Aquí xa non, aquí preocúpaste de escoitarte ti ben e principalmente esa é a gran diferenza. O que repercute é en que o pasas que te cagas, subliña Ferreiro.

Isaac formaba parte de Terror Erótico Adolescente, outro grupo de Chantada, co que tocaba os sintes. Pero recorda que tiña “certas propostas que non acababan de encaixar”. “Letras ou o que sexa. Quería levalas ao meu terreo”, expón. Por iso decantouse por facer algo pola súa conta. E José Ángel Yeyes, quen fai as bases electrónicas en Terror Erótico, “uníuse á causa”. “Segue a formar parte dese grupo pero dixo veña, eu cúbrote, relata. Despois foi cando se sumou Humberto Novoa, xusto tras aquel Facela de 2017. “Saiamos do Facela, iamos cara Chantada, escoitou o que eu tiña gravado así de maneira fulera e dixo veña, vai, pois un día quedamos e tal. E encaixamos como anel ao dedo”, resume entusiasta o guitarra, cantante e letrista de Fábrica de Espejos.

Fábrica de Espejos, durante o seu concerto no Fa Ce La Fest de Lugo. Fotografía de Noel Castro

O relato fundacional prosegue nunha festa, como non podería ser doutro xeito: “Cando estabamos a gravar Esferas coincidimos nunha festa, así de forma casual, e Álex dixo cando queirades, eu súmome. Se necesitades baixo, vai. Eu dixen hostia, pois de puta madre que nos da un pouco máis de vidilla. Canto máis poidamos facer no escenario, mellor. De aí a dúas semanas estaba dentro, aprendeu as cancións axiña: tiñamos un bolo e dixemos vai, pa’ dentro.

Pero faltaba a última peza: o xogo de voces con Leticia Iglesias. “Gústame que as voces sexan como sintes que se mesturan con distintos rexistros… E un día á chegada dun festival con un resacón que te cagas, dixen: vai, veña, Leti, proba. Leti é a moza de meu irmán. Díxenlle engánchate ao micro, ti fai isto e eu fago isto outro. Gustoume como se complementaba. E dixen hostia, pois se che apetece, tiramos para adiante. E desde entón, esa é a alineación oficial”, finaliza satisfeito.

 

Fábrica de Espejos están na onda new wave na terra do bravú, aínda que “de entrada o do synth pop ou o shoegaze Isaac Ferreiro non o acaba de ver. Prefire a etiqueta que emprega Humberto, space pop, “porque non o escoitara antes” e “realmente non quere dicir nada”. “E iso é o bo, non si? Non nos ata a nada”, resolve.

Mólame cando Humberto dixo o de space pop, porque non o escoitara antes e non quere dicir nada. Iso é o bo, non nos ata a nada”

Con todo, recoñece as referencias e entre as súas figura moita música que escoitaba nun local que se chamaba o Pub Zero, en Chantada: “Alí escoitaba moito a Los Planetas, Jesus and Mary Chain, My Bloody Valentine, a escena indie española…”, sinala. “Gustábame moito Nadadora, Family e por aí tiramos”, apunta. Engade que o seu cos aragoneses La Costa Brava é “algo de devoción” e sitúa por outro lado aos Family. Entre uns, nos que priman as letras e outros nos que prevalece o ruido, “ao final aparecemos nós”.

 

Isaac narra a historia de Fábrica de Espejos entre risas, sen pretensións, pero tamén sen deixar de tomalo en serio. E a introspección vai a máis cando se lle pregunta polas letras. “De entrada as saco dun ritmo de canción, dunha liña de acordes”, explica. “Busco algo… Non busco. Atopo algo que me emociona, síntome moi a gusto tocando iso e a partir de aí o que vai xurdindo”, continúa.

Unha frase a partir dunha liña de acordes é a semente das letras, que van medrando a medida que pasan os días”

Xa despóis vén o significado. “E digo hostia, pois isto que estou a dicir estouno a dicir por algo”, reflexiona en voz alta. “Esa frase é o xerme, a semente que vai medrando a medida que pasan os días”, segundo precisa. Logo se suceden os cambios e “ás veces a idea modifícase moito”. “Pero o cerne parte dunha idea dunha frase que non sabes ben de onde vén pero que vén dun son, que che toca algo, que che evoca ou te fai…”. A exposición interrúmpese e Isaac Ferreiro dá coa chave: “Si, normalmente son recordos que no momento que o dis non sabes porque. Case eu creo que podería dicir que me estou a psicoanalizar”, ironiza.

Esferas, o primeiro EP dos de Chantada

Para cando un LP de Fábrica de Espejos? Para Ferreiro e para o resto da banda, Astro Rey “ten unha idea coherente” por si mesmo á vez que “é coherente” o discurso que configura xunto con Esferas, como se de un long play se tratase. Agora en verán, a súa intención é gravar dous temas, “dúas cousiñas”. Todos eles teñen os seus traballos, el fóra de Chantada, pero aínda así tratan de ensaiar todas as semanas. 

De momento, valoran que, á diferenza do que lles ocorreu o ano pasado, cando “ía o carro diante dos burros” (No sé qué hacer foi escollida no concurso de Sonidos Mans e víronse na obriga de gravar algo “como sexa”), agora nos directos é outra cousa. “Con toda a nosa marxe de mellora, sentímonos a gusto”, subliña Ferreiro. Polo de agora, en breve anunciarán novas datas para anotar na axenda de Fábrica de Espejos.