Loading

Chicharrón é un espazo de liberdade. Así o ven Alberto M. Vecino, Mara Pérez e Rubén Domínguez. Xuntámonos con eles entre a proba de son e o seu directo no Artellando das pasadas festas da Ascensión de Compostela. No pre-vermú. Mentres, a praza de Cervantes ficaba ocupada por unhas persoas ás que chamaremos ‘predicadores da palabra’ agardando pola intensidade dos de Carballo.

Non é fácil atopalos aos tres xuntos, Rubén agora vive máis alá do Padornelo. Porén, calquera é capaz de percibir a complicidade que os une como un fío invisíbel durante toda a nosa conversa na terraza da Gramola. Ultimamente tócalles a sesión vermú, pasoulles no FaCeLa en Lugo e agora en Santiago. Non están moi de acordo, pero tampouco se queixan do horario. 

“Realmente sinto que Chicharrón é un espazo de liberdade absoluta e que os tres estamos nun momento de compenetración moi guai. Estamos en mundos diferentes, con realidades diferentes, pero no grupo temos claro o lugar no que queremos estar”, di Rubén. 

Rubén, Mara e Alberto durante a súa actuación na sesión vermú do Artellando das festas da Ascensión.

O pasado novembro editaron (de novo) con Prenom o seu terceiro álbum, Cancións Clínicas“Este disco xurdiu así, pola necesidade de facelo que tiña eu pero que penso que tiñamos todos. E iso ten que ver con que nós somos un grupo que non estamos metidos no mercado. Nin somos unha banda profesional nin temos a necesidade de sacar un disco para facer unha xira. Fixémolo e agora o estamos celebrando. Dentro duns concertos este ano pararemos e talvez tardamos moito en volver gravar, ou non tardaremos nada”, explica Alberto. 

“Estabamos bastante parados antes de comezar co disco. Levabamos practicamente ano e pico sen facer nada. Alén diso houbo cambios na banda, Diego marchou, Mar decidiu concentrarse en Esposa e Xurxo estuda Medicina e era un lío tremendo…”, engade Rubén. “Estabamos ao borde da desaparición”, confesan, pero esa necesidade de canalizar as emocións e vivencias a través de Chicharrón salvounos.

Sinto que Chicharrón é un espazo de liberdade absoluta”, di Rubén Domínguez

“Neste disco en concreto eu fixen as letras. Fun buscando melodías que cría que lle viñan ben a esas letras e despois paseillo a eles. Pero algo moi esquemático: letra e guitarra acústica”. Deste modo, como explica Alberto, xurdiu Cancións Clínicas. Unhas letras que escribiu no hospital mentres acompañaba a súa nai na enfermidade; e que foron pasando por Mara antes de converterse en cancións.

Alberto aclara que nas súas letras “non todo é o que parece”. “En Chicharrón sempre está presente Alberto Gende para min, o grupo é coma unha homenaxe a el”, destaca, aínda que recoñece que este realmente é un disco que fala da súa nai. Son unha vía para expresarse, para sacar fóra o que non é capaz de compartir doutro xeito. O disco é froito da vida e desas experiencias inesperadas que che impactan: “Acababa de ter un fillo había dous meses que é como a vida, e despois vas a trinta quilómetros e é a morte”.

“Enviáronme as cancións e había unha certa necesidade de que o disco fora algo inminente. O propio proceso de construír todo o aparato melódico onde se sustentan os seus textos e as súas melodías de base foi con Ibán [Pérez] no estudio. Houbo unha confianza mutua. Eu sei perfectamente que todo o que escribe Alberto é espectacular, ten moita facilidade para as melodías e para facer cancións pop moi redondas, e eles sentiron confianza comigo porque me deixaron aí todo e eu marchei ao estudio a retorcelo con Ibán”, lembra Rubén.

Vexo Chicharrón como a manifestación das nosas inquietudes concentradas”, sinala Mara Pérez

“Eu vexo Chicharrón como un proxecto en conxunto, non só musical. Un proxecto cultural, non sei, como unha manifestación das nosas inquietudes en xeral concentradas no grupo. A música, as inquietudes de Alberto coas letras e ese rollo poesía que lle mola a el, e tamén o rollo visual expresado por Rubén. É un conxunto, non diría que só somos unha banda de música”, resume Mara.

“Actualmente a música nin sequera é algo que me flipe, que teña moitísimas ganas de ver a un grupo… Cústame moito encontrar un grupo que me guste porque a min realmente o que me gusta é a música como soporte artístico: nin as letras soas, nin a música instrumental. Chicharrón para nós é iso”, engade Alberto.

Todo isto que comentan queda reflectido no material que teñen publicado como Chicharrón desde o ano 2014. Cando colles o novo disco nas mans percibes o cambio co anterior, Postal, xa dende o propio obxecto. A arte do álbum, esa man case onírica, avanza parte da crueza que hai dentro das Cancións Clínicas. “Unha das cousas guais de Chicharrón é que quen fai o deseño sempre formou parte do grupo, entón ao final é todo un. O que fixo Rubén creo que reflicte moi ben o contido do disco”, apunta Alberto.

A min realmente o que me gusta é a música como soporte artístico”, afirma Alberto M. Vecino

Neste terceiro álbum hai tamén uns temas instrumentais creados por Rubén que concentran a esencia das mensaxes do disco. “Teñen detalles de electrónica moi discretos, máis pensando no dream pop que no techno”, sinala Rubén, que afirma: De todas as merdas que fixen na miña vida, do que máis orgulloso estou é deste disco”.

“Hai moito amor en toda a xente que participou neste disco. Non só pola nosa parte, tamén Ibán que tocou as baterías e o mezclou, Roberto Mallo que estivo unhas cantas noites durmindo pouco pola miña culpa… Mólame moito a creación colectiva”, engade.

Cancións Clínicas é o terceiro álbum de Chicharrón despois dun primeiro homónimo e Postal.

Aseguran que están á marxe do mercado da música, isto fai máis difícil unha dedicación completa ao grupo. Cada vez máis difícil”, defende Alberto, “temos un neno, rollos familiares, cada vez máis traballo… Facémolo porque é algo moi importante para nós. Realmente o máis cómodo para min sería non facer nada. Chegar a casa de traballar, sentarme no sofá, ver unha serie e xa está”.

A conversa xira cara o momento no que se encontra a música e os tres coinciden nun idea que verbaliza Mara: Estamos un pouco decepcionados”. A situación musical está fodida. Eu levo como quince anos tocando e creo que actualmente se trata peor aos músicos que hai anos, cando debería ser ao revés”, achega Alberto. E remata Mara: Creo que se trata peor aos músicos coma nós, que vas de independente, que non casaches con ninguén e non tes un respaldo detrás. É moi difícil meterte no circuíto, ao que nós non aspiramos… E estamos moi contentos cunha proxección a longo prazo”.  

De todas as merdas que fixen na miña vida, do que máis orgulloso estou é deste disco”, asegura Rubén

“A decepción é porque hai anos pensabamos que o underground ía triunfar, que se podía facer todo con internet, o do it yourself. Podías pasar de discográficas, de managers, de toda esa merda, e facer as cousas ben. Pero ao final dáste conta de que non, que se non tes iso detrás aínda custa máis que hai anos. Desde a explosión do indie pensei que sería ao revés… de aí a decepción. Pero creo que é un pouco culpa de todos: dos grupos, do público, dos promotores…”, reflexiona Alberto. 

“A industria musical é conservadora, nepotista e, en certos aspectos, ten condutas mafiosas. Hai certos actores aí que se comen o pastel e que non fan unha imaxe real do que sucede en Galicia e no Estado. Iso a xente que asiste a concertos con toda a súa boa vontade non o sabe”, di Rubén.  

Está guai que xente que pelea por vivir disto, porque ama a música, o consiga”, razoa Alberto

“Sempre se fala de que estamos a vivir un momento súper guai na música, da efervescencia… Pero hai unha parte moi grande que é precariedade absoluta, miseria, a conquista da indignidade. Non apostan realmente pola música, apostan por molar, por un negocio”, engade o grovense. “Para nós é moi importante non depender disto para poder seguir co grupo”, incide Alberto, quen resalta que “está guai que xente que pelea por vivir disto, porque ama a música, o consiga”.  

“O máis interesante é que isto non é o noso modo de vida, senón teriamos que tragar unha de merda…”, apunta Rubén coa complicidade de Mara, que sinala: No momento no que nos fixeramos profesionais e tiveramos que vivir disto probablemente xa non habería máis discos”. E ese espazo de liberdade do que falabamos xa non existiría”, remata Alberto. 

 

Unha entrevista de Ana González Liste