Loading

Os novos proxectos de Rubín

Honestidade: a consigna de David Rubín, o ourensán que, coas súas historietas, non só ergueu á banda deseñada galega e española a novas esferas, senón que conquistou ao lector (e ao mercado!) estadounidense. “Non son ningún mago”, aclara. “Facer os cómics que che fan feliz é o único truco”. Despois da xira de presentación do novo número de Ether, xa pensa na súa nova novela gráfica.

Rubín vén de presentar pola península o segundo número de Ether

“Xa me tardaba”, cóntanos. O autor de El Circo del Desaliento e La Tetería del Oso Malayo (os seus dous primeiros e recoñecidos títulos) non pode adiantar moito sobre o seu próximo proxecto en solitario, pero desvela, en conversa con Inorantes, que “tratará temas como a fin do mundo”. “É como unha sorte de historia sobre a apocalipse e tamén un libro de autoaxuda”. 100% filosofía Rubín. 

O guión está xa escrito e “pechado”. Pero, por compromisos firmados, ata “finais deste ano, comezos do seguinte” non poderá lanzarse a debuxar, coa idea de publicalo en 2021 con Astiberri. Confesa ter “moitísimas ganas”, xa que desde 2012, cando saíu a segunda parte de El Héroe, non fixo nada escrito por el e “picábame o lombo”. 

O guión xa está pechado, a idea é debuxalo a finais de este ano, comezos do seguinte”

En calquera caso, non se queixa. O contrario. A andaina ata o punto actual serviulle para aprender “moitísimo”, após traballar xunto a nomes como Santiago García (Beowulf) e Marcos Prior (Gran Hotel Abismo) ou Matt Kindt (Ether) e Jeff Lemire (Black Hammer). A chave, de novo, atópaa en “tratalo todo como algo teu”. Senón, “sería un tormento”. Así, non separa o traballo por encargo do persoal: “Todo é traballo e todo é persoal”, subliña.

Por iso, tanto nas obras que escribe el como nas que colabora con guionistas, prioriza a historia, “o que conta”, que ten que ser “algo que me represente”. E desbota a maneira de abordar “algo coma un puro encargo”. De feito, avoga por establecer un “diálogo creativo continuo” con quen partilla a narración, e tamén, “ás veces, probar cousas novas”. “Transitar camiños aínda non percorridos, atoparte a ti mesmo”, reivindica.

El Circo del Desaliento sorprendeu polo seu lirismo á hora de abordar temas como a perda do amor ou o fracaso

Agora nota coma se durante estes últimos anos, nos que entrou de cheo no mundo ianqui, “estivera a cargar as baterías”. E recuncará con Astiberri coa súa próxima novela gráfica, unha decisión que non é banal. “Teño que apoiar ao meu mercado. Facer que a roda (de lectores, editores, librerías…) xire”, sinala.

Nesta liña, avoga por “xerar obra autóctona e copyright” en España, xa que “só con traducións non se sostén”. O seu novo cómic podería vendelo a Estados Unidos e os cartos que gañaría de partida dunha editorial norteamericana serían “moítisimos máis”. Pero esa renuncia faina “a priori”, xa que a súa lóxica é a do “long seller, máis que best seller”. “Ao longo, é máis rentable”, defende. 

Teño que apoiar ao meu mercado. Facer que a roda xire”

Tamén o é desde un punto de vista sentimental, polo cariño que profesa ás súas creacións, posto que lle gusta pensar no lector que a través dun dos seus actuais libros “indaga cara atrás” e chega a outros, que dese modo “seguen vivos”. Así as cousas, a novela que está por vir aparecerá primeiro en España e “logo a miña idea é vender os dereitos a outros países”.

Neste escenario, amosa “orgullo” por ver que hai libros seus que “callan” despois noutros mercados, como é o caso nestes días de Gran Hotel Abismo, que vén de publicar en Norteamérica. Nos tempos de Donald Trump, resulta que este xenial alegato contra a alianza bastarda entre capitalismo e Estado (feito en pleno “cabreo” da crise) ten “grande vixencia” alí, cousa que, segundo recorda, houbo quen dubidou nalgún momento.

A obra de Rubín e Marcos Prior contra a alianza bastarda entre capitalismo e Estado triunfa agora no país de Trump

A “liberdade total” para crear e para decidir onde e como publica apórtalle a David Rubín outra derivada nin moito menos menor: a do idioma. A súa nova novela gráfica editarase simultáneamente en castelán e en galego. Mentres que este verán presentará en Viñetas desde o Atlántico (A Coruña, do 5 ao 11 de agosto) a versión en galego de La Tetería del Oso Malayo, ese consultorio psicoanímico que tan ben transita entre o entrañable e o deprimente. “Gracias a Demo Editorial, que se atreveu con esta obra en galego”, resalta.

Demo Editorial presentará en Viñetas desde o Atlántico a versión en galego de La Tetería del Oso Malayo

Na actualidade residente en Madrid, David Rubín foi fundamental no pulo á banda deseñada galega cun colectivo como Polaqia, que naceu en 2001 e que en 2011 se disolveu de xeito amistoso. “Fixemos moi ben en disolvernos. Pero por aquel entón fomos moi necesarios. Non había case nada, estaba todo moi en bragas”, acorda.

Xunto a el, alí estaban Kike Benlloch, Bernal Prieto, Diego Blanco, Álvaro López, Emma Ríos, Brais Rodríguez, Roque Romero e Luis Sendón, entre outros. “Eramos catro amigos”, prosigue o ourensán, quen cita a Miguelanxo Prado como un dos “francotiradores” co que contaba o panorama galego. “Ninguén apostaba nada nin por nós nin polo cómic galego e fomos o faro para moita xente”, remarca.

Na época de Polaqia eramos catro amigos. Ninguén apostaba nada polo cómic galego”

Despois de “server de inspiración” e de transmitir a mensaxe de que unha carreira profesional era posible, e após “un último ano glorioso”, interpreta que irse “pola porta grande” supuxo non se converter, pola contra, nun “escollo”. “Saíron fanzines que posiblemente sen nós non terían saído. Pero ao disolvernos, os novos autores aprenderon a desentumecer”, reflexiona.

Visto pasados case dez anos, “moitos deses autores eran nenos” e agora están recoñecidos, comenta Rubín. Polaqia “foi como unha luz” e “fómonos cando tiñan que aprender a voar”. Neste contexto, “o futuro hoxe é máis prometedor”, ao seu xuízo. “O talento é tamén moito maior”, segundo engade.

Hoxe, Galicia é a cuarta pata do cómic estatal, xunto a Madrid, Barcelona e Valencia”

Para Rubín, os autores galegos son nestes tempos (“xa o eran daquela”) unha referencia. En festivais como o Banda Deseñada de Ourense ou do Viñetas desde o Atlántico “editores de todos lados alucinaban”. “Un dos vértices a nivel de cómic estatal é Galicia. Antes non se saía do segmento Madrid-Barcelona ou como moito do triángulo Madrid-Barcelona-Valencia. Hoxe, Galicia é a cuarta pata”, resalta.

Beowulf, a versión do ourensán do poema épico anglosaxón anónimo

Iso si, pola súa banda, renega “do tema friki”. Valedor das “historias para todos os públicos, no senso máis amplo” do termo, é partidario de escribir tanto para o lector que leva “toda a vida” apreciando os cómics, como para aquel que “acaba de chegar”. Tamén ofrece as súas narracións a quen se declara únicamente amante dos superheroes e a quen prefire as novelas gráficas.

Renego do tema friki. Son pro novela gráfica a tope”

Pro novela gráfica a tope”, considera que esta categoría foi “de grande axuda” para que moitos lectores se interesasen pola banda deseñada. “Descubriron que o importante non é a personaxe ou a editorial, senón buscar unha historia que che interesa… Iso é universal”, asevera. Polo que a el respecta, celebra títulos seus como El Héroe ou Beowulf, posto que serviron “de ponte” para que “xente lectora do medio pero metida no nicho” dera o salto cara o outro lado.

E valora tamén o incremento do público femenino, “o que máis aumentou” e que “agora é maioría”. Ademais, ampliouse o espectro de idades e, de todo isto, Rubín conclúe que hai “moita esperanza” de cara o futuro. “Só fomos cara adiante”, aplaude. Con todo, precisa que “a industria aínda é feble” e a situación “tampouco é para botar cohetes”. Queda traballo para “equipararmos” a Francia ou Estados Unidos, pero “imos polo bo camiño”. Unha senda, advirte, que é “pedregosa e lenta”.

El Héroe é para o seu autor unha obra que serviu de ponte para lectores do medio cara a novela gráfica

De todos os xeitos, atrás queda o pesimismo e mesmo no ámbito da ensinanza, David Rubín ten unha ollada optimista. “Cando eu estudei na escola de arte de Ourense non había nada que se lle parecera ao cómic”, chama a atención. “Nin tan sequera á ilustración”, agrega. Lonxe dese “rollo un pouco vello”, a escola de arte Antonio Faílde é nestes intres “pioneira en moitas cousas” e moitos sitios imparten xa materias específicas de cómic.

Rubín refírese, así mesmo, a proxectos que agroman como O Garaxe Hermético, a escola profesional de banda deseñada e ilustración que inaugurou Kiko da Silva en Pontevedra. Veste algún día dando clase?, preguntámoslle os Inorantes. “Si que me gusta, e creo que teño man”, recoñece. Mais “cando sexa máis maior, o día de mañán”, apraza.

No prólogo e no epílogo de El Circo del Desaliento, Miguelanxo Prado e Carlos Portela trazan o perfil dun David Rubín mozo que despunta e que sorprende polo lirismo das súas historietas. Abraiados estaban pola profundidade do ourensán á hora de abordar temas como a pérdida do amor, o fracaso, a ira, os monstros internos, a crueldade… Pero tamén a rebeldía, os mitos, a esperanza…

Preguntado por eses días pasados, e pola fama de trouleiro, bo amigo da Estrella Galicia e do licor café, admite que hoxe en día “sae moito menos” que por entón (corría o ano 2006). Hai catro anos que é pai “e a verdade é que teño tantas historias pendentes que me queiman máis as ganas de contalas que as de saír de festa”, subliña. Ademais, ironiza con que iso é “o bo das lendas”. “Hai que crealas, pero agora xa me podo permitir o luxo de dilapidala”, chancea.