Loading

Unha historia da nosa música

Para o crítico musical Fernando Fernández Rego está claro que Pucho Boedo e Ana Kiro “merecen un biopic”. E tamén postula a Andrés do Barro para un futuro Día das Letras Galegas. O que non lle gusta tanto é que se lle defina como crítico. Administrador e redactor de La Fonoteca, escritor, colaborador de Mondosonoro e Rockdelux… Este ferrolán atópase cómodo na súa faceta de profesor de física e química. “Os químicos, sempre digo, somos os máis multidisciplinares”, chancea.

Fernández Rego vén de publicar Unha historia da música en Galicia con Galaxia, dispoñible en prevenda ata este xoves 27 de xuño, día a partir do cal chegará ás librarías. “Era necesario”, defende, antes de nada, nunha conversa con Inorantes sobre as milleiros de bandas e anécdotas que atesourou durante nove anos de traballo e que agora plasma neste libro de case 900 páxinas, a toda cor e con variado material inédito.

Este imprescindible para os amantes da música galega chega a partir do xoves ás librarías

“Había libros e había historias do folk, pero non un que cubrira un espectro tan grande nin o underground”, destaca. Por iso decidiu facer unha recompilación da música galega desde 1952 ata 2018, unha na que as vangardas teñen un papel importante, desde o Grupo Atlántica ata a autoxestión representada por selos como Matapadre ou espazos como o Liceo Mutante.

Intentou, segundo indica, “dar á escena independente e subterránea o sitio que merece”, posto que “non aparecía nun relato ou crónica” sobre a evolución da música galega na segunda metade do século XX e o que vai do XXI. Para tremendo obxectivo, fixo máis de 250 entrevistas, coa vista sempre posta en intercalar declaracións, “que sexan os protagonistas os que falen” e así facer amena unha narración que profunda na análise ao pór en relación aos músicos coa súa situación sociopolítica.

O underground non aparecía no relato e quixen darlle o sitio que merece”

En 2010, Fernández Rego publicou 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega (Toxosoutos), pero aquilo foi “un catálogo, unha selección de grupos”. Por entón, levaba unhas 72 fichas redactadas en La Fonoteca. Hoxe xa van 350, de elas, 200 de bandas galegas. “A idea era alonxarme de todo iso. Non utilizar ese esquema”, explica. Así, Unha historia da música en Galicia é un desenvolvemento cronolóxico, pero, nela, o autor establece vencellos entre bandas.

Cinco anos despois, en 2015, saíu o seu Andrés do Barro: saudade (Rotaclick), co que rendeu tributo a un dos nosos crooners coa que é a súa primeira biografía oficial. Para o autor de éxitos como O tren e Corpiño xeitoso reclama un 17 de maio como vía para “renovar os referentes da cultura popular galega”. Polo seu “vencello emocional” co artista, pero tamén xa que era letrista e gravou nin máis nin menos que catro números un en galego “en plena ditadura” de Franco.

 

A nova obra de Fernando Fernández Rego, a máis ambiciosa, está estruturada en 47 capítulos que avanzan de xeito cronolóxico. Decidiu empezar “polas orquestras que empezar a virar ao pop” xa que esa época “é unha tolemia”. É, segundo resalta, a etapa que aborda o libro que máis lle “flipa”, dada a cantidade de historias incribles que descubreu ao mergullar na hemeroteca e nos recordos dos actores que continúan vivos.

Tratábase de orquestras con enorme impacto internacional con andanzas dignas de ser coñecidas, como a aventura que viviron Los Tamara cando tocaban en Alxeria durante a súa guerra de independencia e que Fernández Rego conta en boca de Enrique Paisal. “Hai 40.000 historias que fan moi bonita esa época”, subliña quen escolleu o ano de inicio por ser o do nacemento de Los Zafiros de Ferrol.

A época das orquestras que empezan a virar ao pop é unha tolemia. Hai 40.000 historias”

Abraiado por contos que non excluén as “leas de saias”, o ferrolán tamén describe como un loitador de sumo buscou por Europa a Los Españoles para levalos a Xapón. A continuación avanza coas formacións que viñeron despois co pop, rock, beat, yé-yé, progresivo, jazz rock, folk, garage, blues, surf, a canción de autor, a movida dos anos 80 que arranca en Vigo… “Máis de mil imaxes de discos, grupos, festivais… fan deste libro unha cumprida enciclopedia sobre a música de nós onde está todo, absolutamente todo”, chama a atención a editorial. 

E aínda que o responsable da obra non aforra en detalles, desminte en parte a Galaxia, ao admitir que houbo que escoller, sobre todo a partir dos 2000, cando “xa é imposible” abranguer a multitude de conxuntos que xurdiron. De modo contrario, “iríase a dous tomos”. Ata un centenar de nomes son examinados polo míudo na súa historia pero tampouco fixo “un fascismo” que limitara a selección a “só os que gravaron”, por exemplo. De feito, “hai moito fanzine e maqueta”.

 

A figura de Ana Kiro serviulle a Fernández Rego para contar a situación dos centros galegos na emigración. Ao seu xuízo, cómpre “recoñecer” a creadora de Galicia Terra Meiga, porque tivo “moito coraxe” para dar os pasos que deu. “Que unha muller fora polas salas de festa naqueles tempos non estaba nada ben visto”, chama a atención. Neste sentido, lamenta que a música popular está “moi deostada” e avoga por “dignificala”. É máis, aposta por “quitar a risa frouxa” cando se fala da de Arzúa e doutros mitos da cultura popular e poñer o foco en feitos como que “vendeu 100.000 casetes do seu primeiro disco”.

Tamén reivindica “casos de supervivencia” como o de Pucho Boedo, cunha vida que chama por un “biopic como deus manda”. Non en van, Fernando recoñece que “polo menos houbo dous proxectos” para levalo adiante, que lle contactaron para que supervisase o guión, pero “un deles está freado e o outro pendente de tema de axudas”.

Ana Kiro é un exemplo de coraxe e Pucho Boedo merece un biopic como deus manda”

Neste extremo, fai fincapé na importancia de desbotar prexuizos. “Eu tiña moitos con 18 anos, cando pensaba que só existía o indie e que a industria era o peor e tal…”, admite. Co tempo, chegou a conclusión de que “a música ten que respirar con liberdade” e incide nunha idea que repite durante a entrevista: “Hai que renovar os referentes da cultura popular galega”.

Con isto quere dicir “non substituir” aos que xa hai. “Rosalía, Pondal, Curros… estes referentes teñen que seguir vixentes, son enormes… Pero en Galicia o que falta é renovar e crear novos referentes da cultura popular”, expón. Xusto neste contexto é no que propón, como medida simbólica, que haxa “máis cultura popular” nas Letras Galegas, xusto cando a Real Academia Galea vén de designar a Ricardo Carvalho Calero para o 2020. Andrés do Barro é o primeiro que lle vén á cabeza para o futuro, un “indispensable” na xénese do pop en galego, aínda que pensa que “Pucho tamén o merece”.

 

Con Ferror Records, Fernández Rego leva a teoría á práctica no apoio á escena local

Con especial agarimo refírese a unha iniciativa como Galician Bizarre, que “dotou de orgullo e autoestima” ao underground galego “e axudou á que a xente deixara de facer a guerra pola súa parte”. Esta experiencia tivo en La Fonográfica General un adianto, a modo de “precursores”, coas festas que, por un prezo de tres euros a entrada, financiaban a edición de singles na República Checa. Funcionou ata 2012 e supuxo máis de 20 singles.

A enciclopedia de Fernández Rego recolle dous capítulos, un sobre bandas femeninas (con algunhas como Bala, Agoraphobia, Linda Guilala…) e outro sobre o emprego do idioma (con Chicharrón, Malandrómeda, Os Amigos dos Músicos…), que evidencian que en ambos apartados foi preciso dar a batalla, e polo que considerou que “era importante darlle visibilidade”. Por sorte, valora, “o que antes era exótico na actualidade é unha normalidade”.

O libro é a miña contribución á música galega; ogallá haxa máis para que o relato sexa máis plural”

Pai e divulgador de todo tipo de historias sobre a música, entre clase e clase, Fernández Rego dedica o seu tempo tamén a iniciativas como Ferror Records, para levar a teoría á práctica e tratar de dar saída a propostas musicais e culturais “desde a militancia e a autoxestión”. Ledo, asume que Unha historia da música en Galicia será “a maior contribución que vou facer á música galega”, pero desexa que “ogallá haxa máis”, porque “canto máis plural sexa o relato, mellor”.

A súa “é como unha historia de Galicia como país, desde unha perspectiva pop”, resume, consciente de que “unha das cousas que aprendes coa idade coa música é que moitas veces non é a sonoridade o que máis che gusta, senón as historias que están detrás” das bandas e dos cantantes.