Loading

Do precelta: marwo “morto”, do grego: moira “destino”, do celta: mori “mar”, mori-morwen “serea”, mahra “espírito”. Falamos con Diego Veiga, guitarra e voz de MØURΔ, a liserxia pangalaica que despregará a súa catarse cósmica e druídica o venres que vén no Desert Stage do Resurrection Fest de Viveiro.

“A moura é un espírito ou ser mitolóxico do folclore galego portadora de poderes sobrenaturais cuxas lendas se remontan a tempos prerromanos. O seu simbolismo como figura galaica parécenos que condensa moi ben o que tentamos facer como grupo”, destaca Veiga en conversa con Inorantes desde as illas Ons, xusto despois da noite meiga de San Xoán, na que el, como tantos outros hosteleiros, tivo traballo arreo.

Diego Veiga e Luis Casanova, de MØURΔ, durante un directo / Foto de Maritxu Alonso

A banda, composta por Diego Veiga, Pedro Alberte (baixo, voz), Hugo Santeiro (guitarra, voz), Fernando Vilaboy (órgano Hammond, sintetizadores) e Luis Casanova (batería, percusións), naceu na Coruña no ambiente da antiga Casa Tomada (agora Nave 1839), “tras horas de conversas entre colegas”, segundo recorda Diego. Residen todos na Coruña agás Luis Casanova (batería, percusións), que vive en Lugo. “Pero a nosa base de operacións é Coruña”, destaca.

Con influencias que van desde a psicodelia ou o rock progresivo setenteiro ata o folk tradicional galego e británico ou o chamado kraut-rock, o ano 2015 marca así a data de inicio de MØURΔ, desde a cal a formación evolucionou ata a actualidade

A nosa base de operacións é Coruña”

Agora, veñen de entrar a gravar o seu primeiro álbum de estudio, o pasado mes de abril, en La Cortina Roja. Básicamente, sentiamos que era o momento de rexistrar o que viñamos a facer en directo e aproveitar o estudio para poder dar un paso máis coa producción xunto ao noso técnico e coproductor Jose Gutiérrez, que xa traballou con Guerrera, Cuchillo de Fuego, etc”, expón Diego Veiga.

Deste modo, adianta que serán “catro longos temas nos que conflúen tódolos nosos ingredientes e cantado íntegramente en galego”.

MØURΔ, no estudio de gravación / Foto de Juan Rodríguez

Afondamos no proceso de gravación e produción deste longo. “Os temas foron evolucionando directo tras directo”, resalta o cantante e guitarrista de MØURΔ. Deste modo, non cre “que os tocásemos nunca igual ata hai pouco, cando sentimos que estaban listos para ser gravados tras sesisións de ensaio/erro e longas improvisacións”.

No disco, aproveitan “para arranxar” as cancións e “dotalas de distintas texturas e sonoridades”. Introduciron instrumentos acústicos, sintetizadores, efectos varios e “as marabillosas colaboracións de varios músicos de folk galego tradicional que apoiaron o noso proxecto e o fixeron medrar dunha maneira da que nos sentimos moi ledos e satisfeitos”. 

Os temas evolucionaron directo tras directo”

Neste contexto, esperan que o primeiro álbum de MØURΔ vexa a luz “e a partires de aí presentalo en condicións”. “Seguir abrindo portas, continuar medrando e desfrutar da enerxía que flue entre nós cando tocamos xuntos”, subliña.

Por iso, o seu obxectivo principal é publicar o seu debut antes de fin de ano e “tentar tocar, tocar e tocar para extender a palabra”.

En canto á escena post-rock estatal, Veiga afirma que “non é un estilo no que estea moi ao día”, pero alégrase de que bandas coma Toundra (tamén no Resurrection Fest este ano) estean a funcionar “ben” e tamén celebra “as voltas puntuais sempre de 12Twelve”. “Sempre son unha boa nova”, resalta.

No caso de Galicia, descoñece o panorama máis alá dunha nova banda da Metamovida da que advirte: Loiros, que xusto se atopa en plena campaña de micromecenado para o seu primeiro disco. No verán de 2016 en Vigo, Héctor Agulla e Virxilio da Silva comezaron a traballar xuntos na idea dun novo proxecto e coa entrada do alemán Felix Barth e o francés Wilfried Wilde o seu son endureceuse e configurouse a idea do que é na actualidade Loiros.

Fernando Vilaboy (órgano Hammond, sintetizadores) / Foto de Maritxu Alonso

MØURΔ estarán este verán, ademáis de no Resu, no Festival Loro Facu de Miño e nalgunhas datas máis que xa están confirmadas e que Diego avanza que anunciarán “pronto”.

Polo momento, sobre a súa primeira parada, na Mariña de Lugo, onde a música comezará xa o mércores, comenta as “moitas ganas” que lle teñen. Amósanse, de feito, “moi felices de poder compartir escenario con tantas bandas nun festival de tanto renome coma este”.

Estamos moi felices de poder compartir escenario con tantas bandas nun festival de tanto renome coma o Resu”

Pola súa banda, coma espectadores de gustos variados, aseguran que non van perder a Atavismo, Colour Haze, Cult Of Luna, Radio Moscow ou “aos irmáns de Cró”.

O seu bolo será “unha sesión de druidismo lisérxico” na que agardan, segundo chancea, “acadar o transo colectivo” con todo aquel que se lles una. “E así facer medrar o aquelarre mouro”, conclúe.