Loading

Moitas (e moitos) saberedes o que é facer malabarismos entre o que dá de comer e o que te alimenta realmente por dentro. Isto sucédelle a Cecilia F. Santomé (San Simón, Vilalba. 1984), que atopou o equilibrio para escribir a súa primeira novela no seu regreso a Galicia despois dun tempo traballando no Reino Unido. Quérote. Eu tampouco (Edicións Xerais) é a materialización desas notas (ás veces urxentes) que levaban tempo nos seus cadernos e no seu móbil. 

O libro expón a cara máis tremebunda das relacións amorosas. “Todo está construído para que a historia entre eles sexa perfecta pero o seu mundo interior impide ese nivel de perfección. Eles teñen os seus demos persoais, sobre todo el que é escuro e manifesta distintas caras. Ela ten problemas de inseguridade e arrastra o desafecto do pai. Non vía posible facer unha historia de amor estereotipada. Quería explorar todas esas cousas que, a pesar de que a tendencia nos diga que todo irá ben, boicotean esa felicidade”, resume Cecilia.

Non vía posible facer unha historia de amor estereotipada”

Quérote. Eu tampouco é un título paradóxico e suxerente á vez. Cecilia sabía que un bo título era importante para a súa primeira novela, por iso buscou algo que chamara a atención. “No proceso de búsqueda, que foi bastante longo, barallei opcións máis usuais como Grace medrando ou Grace e a vida; pero parecíame que non reflectían ben a esencia da novela. Centrarme soamente nun dos personaxes parecíame simplista e apetecíame deixar algo de misterio… que non fose tan evidente que era unha historia sobre x e z. Quería xogar con ese factor sorpresa”, explica. 

Quérote. Eu tampouco, editada por Xerais, é a primeira novela de Cecilia F. Santomé

Neste punto foi cando Cecilia atopouse coa mítica canción, Je t’aime, moi non plus, que Serge Gainsbourg interpretou con Jane Birkin. “Todos a vemos como se fose o máis do máis en termos de erotismo e sensualidade e despois cando afondas nela daste conta de que nin é delicada, nin é especialmente atraente. Entón quería xogar con eses dous planos tamén porque forman parte da esencia da novela”, razoa. 

“Podemos pensar que a novela é unha clásica historia de amor na que unha rapaza cun pasado difícil se atopa cun rapaz que tamén vén dunha traxectoria vital un tanto delicada e que desa conxunción de desesperación nace unha historia de amor marabillosa, e que todo e felicidade e un futuro esperanzador”, avanza Cecilia, “pero non é así”. 

Interesábame explorar a riqueza de voces, facer unha novela polifónica”

Desa ilusión argumental sae tamén a escolla do título. A estas alturas xa sabemos que Quérote. Eu tampouco fala do amor, como é practicamente inevitable que falen todas as historias. Grace e Frank son os dous piares da novela de Cecilia, ambientada nun Londres de ceos anubrados e pisos compartidos. 

“A pesar de que o peso da trama recae en Grace e Frank, sen personaxes como Pétula hai moitas cousas que non terían sentido na historia. Son eses outros personaxes os que enchen de contido e enriquecen a novela: matizan, explican e ás veces mesmo contradín aos protagonistas. Interesábame explorar esa riqueza de voces, facer unha novela polifónica”, destaca. 

A autora confesa que este libro supuxo un desafío estilístico para ela.

“Quería transmitir así que a realidade non é única, que ten moitas arestas e que todo depende de quen a esté a analizar. Quería compoñer un retrato deles dous pero a través de moitos ollos e moitas voces distintas”. Este foi o grande desafío estilístico de Cecilia á hora de abordar a novela. “Hai un fío de Pétula a María, que non é moi doado de descubrir pero hai unha conexión entre elas que é como a pechadura desde círculo de voces arredor do que se constrúe a novela”, apunta sen facer spoilers.

“Frank é o artífice da súa propia desgraza e Grace non é capaz de dirixir esa relación por onde ela quere”, afirma Cecilia. Os dous, máis noventeros que millennials, lévanse ao extremo. Son representantes dunha xeración desesperanzada, así os construíu a autora, que pensa que o público adultescente (etiqueta anglosaxona) poderá identificarse facilmente con eles. “Son adultos, pero non teñen as condicións para vivir como tal”, sinala.

Frank é o artífice da súa propia desgraza e Grace non é capaz de dirixir a relación por onde quere”

“Penso moito en min mesma como receptora dos meus textos. Nadie ten o listón máis alto ca min”, explica a autora, que por outro lado confesa que nada da personalidade da protagonista reproduce a dela. “Tampouco Frank é a miña versión masculina. Pero si que tiven a ocasión de coñecer a xente que se parecía a eles. Collendo dun lado e doutro, facendo unha especie de Frankenstein, saíron Grace e Frank”, di. Iso si, a historia reproduce unha sociedade -a británica- que coñeceu dende dentro e sobre a que non tivo que inventar nada. Por iso considera que quen coñeza aos británicos poderá encaixar moi ben na realidade aos protagonistas.

O ilustrador galego Iván R. asina o debuxo da portada do libro.

E aínda que o final do libro queda completamente aberto, Cecilia confesounos durante a conversa que non se ve facendo unha continuación; tampouco unha especie de spin-off a partir dos personaxes secundarios. Os tempos de creación e os de publicación levan ritmos moi distintos. Ela rematou o manuscrito no 2017 e a novela viu a luz case dous anos despois. Con todo, tivo sorte.

Collendo dun lado e doutro, facendo unha especie de Frankenstein, saíron Grace e Frank”

Neste tempo xa rematou unha novela curta na que “a experiencia vai por outro lado completamente distinto” e evolucionou tamén como escritora. “Durante o proceso de corrección do manuscrito sorprendíame a min mesma porque había partes que directamente non lembraba exactamente. Sentíame como unha lectora máis, foi estraño e emocionante ao mesmo tempo. Notei moito a distancia respecto á historia”, describe.  

“Apetéceme explorar outros camiños”, conta Cecilia, que está a piques de sentarse a escribir outra novela que aínda non sabemos cara onde a levará. 

Unha entrevista de Ana González Liste