Loading

Xullo, mes dos festivais de música

Malia que o verán meteorolóxico non acabe de consolidarse en Galicia, o almanaque continúa a consumir días sen agardar polo sol. Co mes de xullo ábrese a veda a unha explosión (pouco controlada) de festivais musicais galegos.

Só nesta primeira fin de semana contamos oito festivais ao tempo nas catro provincias do país, algúns deles tan potentes coma o Resurrection Fest, en Viveiro, un dos máis importantes do estío galego, ou o PortAmérica en Caldas de Reis.

Slayer e Slipknot comandan na Mariña o cartel do festival por antonomasia dos metaleiros. Madness, Calamaro, Amaia ou Mon Laferte atópanse entre os pratos fortes do evento de Caldas.

Slayer, a mítica banda de trash metal actúa en Viveiro na súa xira de despedida.

Alén destas dúas grandes propostas, atopamos outras moitas opcións para os próximos tres ou catro días. Polo SilFest do Barco de Valdeorras pasarán entre outros La Plata, Igloo ou Kings of the Beach; no Asalto ao Castelo de Vimianzo estarán Mafalda, Luar na Lubre ou Esne Beltza; o Rompetiño Jump encherá Porto do Son de hip hop e deporte urbano.

Seguimos: De Vacas e Monoulious Dop poñerán música ao Rapasons, o evento musical que acompaña á Rapa das Bestas de Sabucedo; Aurora & The Betrayers serán o principal reclamo do Vigo Sea Fest, un festival que ten a súa esencia na gastronomía; e no Xardín Botánico da Ría do Burgo, o Burgojazz reunirá a artistas como Abe Rábade ou Valentín Caamaño.

Aurora & The Betrayers estarán no Vigo Sea Fest.

Todo iso deixando atrás pequenos eventos coma o Ital Reggae Fest de O Porriño ou o Costa dos Castros, de música tradicional, en Santa María de Oia. E a bo seguro tamén algún que outro evento pequeno que non somos conscientes de deixar atrás.

Un mes con 40 eventos

O certo é que os festivais en Galicia empezan a invadir o terreo do incontable. Para as próximas fins de semana nós temos rexistrados os seguintes:

Nove entre o 12 e o 14 de xullo, entre eles Ortigueira, Morrasound (Moaña), Ribeiro Son de Viño (O Grove) e Marineda Fest (A Coruña). Iván Ferreiro, Xoel López, Gwendal, Familia Caamagno, Eladio y los Seres Querido ou Oh Ayatollah serán algúns dos artistas que estarán nestes festivais.

Ata quince eventos (cifra récord) anotamos na fin de semana do 17 ao 21, entre os que destacan o Ribeira Sacra (Kevin Johansen, Jonathan Wilson, Los Enemigos…) e o Vive Nigrán (Novedades Carminha, Los Vinagres, Ángel Stanich…).

O estadounidense nacionalizado arxentino Kevin Johansen, unha das apostas do Ribeira Sacra.

E outros nove festivais para pechar o mes, do 24 ao 26 de xullo, entre eles o Atlantic Fest da Illa de Arousa (Love of Lesbian, Los Planetas, Nacho Vegas…), o Sinsal, co seu famoso cartel secreto, ou o Loro Facu (Toundra, Guadalupe Plata…), o festival de Miño que celebra a súa cuarta edición e segue a medrar ano a ano.

Estamos a falar de máis de corenta festivais en só catro fins de semana. Unha cifra que xa a simple vista semella excesiva. Corenta festivais e moi poucas sorpresas. Escasas propostas que conviden á emoción. Artistas e grupos aos que temos podido ver unha manchea de veces neste mesmo ano.

Nacho Vegas xa estivo en Coruña, Santiago, Lugo (no Fa Ce La)… e estará no Atlantic Fest.

Máis de corenta festivais, nalgúns casos, coincidindo nas datas só a unhas ducias de quilómetros de distancia, repetíndose grupos e estilos musicais, facéndose competencia uns e a outros.

As modas sempre teñen influído no consumo cultural, xerando burbullas que indefectiblemente acaban por explotar. O tempo dirá se ocorre o mesmo cos festivais. Se nós tiveramos que apostar…