Loading

12+1 murais do DesOrdes Creativas

Este luns dá comezo unha nova edición do DesOrdes Creativas, o festival internacional de arte na rúa que desde o 2008 converte Ordes nun enorme espazo de rexeneración urbana e diálogo social. Nesta edición, os convidados son Daniel Muñoz, Alegría del Prado, Twee Muizen, Artez e Leandro Barea. Haberá unha exhibición de Sekone, unha masterclass de Yoseba MP, un roteiro polas obras novas e antigas, concertos coma os de Agoraphobia e Ortiga… E todo de balde.

Para abrir boca, en Inorantes falamos con Sokram e Mou, coñecidos pola súa banda Dios Ke Te Crew, pero que tamén se atopan detrás de Mutante Creativo, o colectivo impulsor do DesOrdes Creativas. Antes do inicio da edición número 12, eles afrontaron a difícil tarefa de escoller 12 murais, os seus favoritos, dos máis de 60 que se fixeron en Ordes nestes anos. E tanto que foi complicado, que acabaron por incorporar un bonus track, para o noso gozo.

Velaquí os 12+1 de DKTC no DesOrdes Creativas:

1. Blu

Blu. Sen título (2012)

“Admiramos moito a súa obra polo potente contido crítico a nivel social. Blu é reflexivo e mordaz”, comenta Sokram sobre este mural no que se observa unha morea de froitas e verduras que se están a tirar nunha licuadora. “El é vexetariano e con este debuxo, que semella divertido, está a facer unha crítica moi forte ao capitalismo a modo de autosuicidio”, engade o cantante de Dios Ke Te Crew. Do artista italiano valoran tamén que foi un dos pioneiros do street art e chaman a atención que deu os primeiros pasos “a golpe de pértiga”. En Ordes, non: en Ordes xa contou coa maquinaria precisa para elevar o seu mural a altura que se pode apreciar na imaxe. Lamentablemente, hoxe xa está bastante deteriorado, posto que se fixo directamente sobre o ladrillo e en consecuencia resistiu peor o paso do tempo. 

 

2. Erica il Cane

Erica Il Cane. Sen título (2012)

Erica Il Cane, outro italiano, é amigo de Blu e, de feito, ese ano acudiron xuntos a Ordes. Un tempo, o de 2012, moi marcado pola crise económica. “O seu mural é unha fábula na que a garza, que leva coroa e representa o poder, ataca a outros animais. Eles deféndense. Gústanos moito porque simboliza esa defensa do pobo contra o poderoso”, destaca Sokram. A intemperie tamén deixou “un pouco escarallado” este mural, pero aínda se pode contemplar na vila.

 

3. Liqen

Liqen. Varrido (2012)

Algo mellor se conserva Varrido, do artista vigués Liqen. “O poder esconde os seus trapos sucios debaixo da alfombra”, constata o líder de DKTC, admirado pola cantidade de detalles que agocha este mural.

 

4. Sokram

Sokram. Pecado orixinal (2012)

En cuarto lugar, aínda do ano 2012, Sokram cita un mural seu: Pecado Orixinal. Para facelo, conta, metéuse no río (desde onde empeza o debuxo) e empregou unha casa abandonada preto del (pola que ascende a serpe). O seu obxectivo era reprobar a especulación urbanística que naqueles anos chegou a un dos seus momentos álxidos. De aí a mazá, “feita de ladrillos”. A serpe simboliza “a natureza que se rebela”. E a mensaxe que quixo trasladar foi a de rexeitamento a unhas políticas que, no seu pobo, implicaron o “maltrato” do río, que está “canalizado e tapado con cemento, case que subterráneo”, ao paso polas rúas de Ordes. “Tratárono como unha alcantarilla”, resume.

 

5. Escif

Escif (2013)

De Escif, de Valencia, Sokram chama a atención sobre unha obra “independente” e con “moito contido, irónico e crítico”. Así, explica que as súas creacións proponas ad hoc: “Todo o que fixo xerouno en Ordes”, sinala. A modo de exemplo, a secuencia de mulleres con cadanseu cartón de leite e cadansúa vaca enriba destas liñas, acompañadas dun 0 e un 1. “O debuxo ten que ver con algo que lle contou o chaval que ten a granxa. Fala de sobreexplotación. Das repercusións da mecanización das explotacións sobre o benestar animal. Pola contra, a panacea sería que houbera unha persoa por cada animal, máis na liña da cultura da subsistencia”, expón. Este mural tamén sigue vivo.

 

6. Sekone

Sekone (2013)

O de Sekone, artista de Vilagarcía, constitúe “unha homenaxe o graffiti primixenio” e tamén unha crítica á opinión pública máis rancia. “A man xigante está pintando un graffiti”. Sokram relata con entusiasmo como a orixe dos murais está nas firmas, nos tags, que comúnmente a xente asimila con “garabatos”. “O bo deste mural, que ten un punto de retranca, e que o acompañou dunha frase que di ‘A mí me gustan los graffitis, pero solo cuando son murales bonitos, porque cuando viene un gamberro y te pinta un garabato de esos, para mí, eso no es un graffiti…”.

 

7. DOA

DOA (2015).

“DOA ten unha serie que se chama ‘Reforestando’ e sempre fai uso de motivos vexetais, de distintas especies de prantas, para tomar edificacións en medio de espacios rurais”, indica Sokram. “É como se a natureza se abrise paso”. O mural seleccionado por el e mais Mou está na aldea de Penelas, sobre una granxa.

 

8. Spok

Spok (Mineiro asturiano de pai galego)

O madrileño Spok titulou a súa obra Mineiro asturiano de pai galego. “A nosa comarca estivo marcada pola mina de lignitos de Meirama. Moita xente en Ordes traballaba na mina ou na central de Cerceda. Por iso Spok fixo este xogo, nun muro pegado a un campo de millo. É un homenaxe ao pasado mineiro da comarca”, afirma Sokram.

 

9. Xoana Almar

Xoana Almar (2017)

Para homenaxes, a de Xoana Almar á muller rural, coa súa composición en tres casas que están pegadas e que, para Sokram, visualiza a “sororidade” e recoñece á muller como “sustento da sociedade e piar da familia”.

 

10. Animalito Land

Animalito Land (2018)

Mentres, de Animalito Land (nome artístico de Graciela Goncalves), subliña o estilo “moi cute, próximo a ilustración infantil, pero con contido adulto”. No mural escollido, que xa data do ano pasado, a arxentina confronta “o claro e o escuro”, nunha sorte de invitación á mestura “para topar a luz e a solución”.

 

11. Lidia Cao

Lidia Cao. A costureira das Casillas – Fiando a revolución (2018)

A ordense Lidia Cao, que vén de firmar un mural en Miño durante o festival Loro Facu, deixou tamén en 2018 esta homenaxe ás costureiras da vila. O cantante de DKTC recorda que “Ordes ten un pasado tamén moi forte vencellado ao textil”. “Despois, todo foi ao tacho, pola globalización e a deslocalización da industria cara outras latitudes onde o traballo é precario. Lidia fixo esta homenaxe e esta suxerencia a que se podería facer a contrarrevolución, xa que a costureira está a tecer un pasamontañas”. A costureira das Casillas leva ese nome porque está ubicado no lugar de Casillas, unha aldea xusto saíndo de Ordes cara Santiago.

 

12. Miguel Peralta

Miguel Peralta. Significado (2018)

Pola súa banda, Miguel Peralta é un dos creadores de street art “máis talentosos” hoxe en día tanto en Galicia como no ámbito estatal. Natural de Almería pero que actualmente reside en Santiago,“pictoricamente é brutal” a xuízo de Sokram. Neste Significado retrata a “viaxe continua que non se sabe a onde nos leva, pero na que leamos moitas vivencias na mochila”.

 

Extra: Yoseba MP

Yoseba MP. A greleira de 50 pés (2016)

“Non che dixen a Yoseba!” Quizáis por ter logrado o estatus de símbolo, o mural de Yoseba MP da xa mítica greleira quedou para o final na criba de Sokram e Mou. A greleira de 50 pés fai un guiño a unha película de serie B e forma parte da serie de Joseba Muruzábal sobre mulleres galegas con superpoderes, “auténticas heroínas”. Nel retrata a unha das moitas mulleres que vende grelos na beira da nacional 550. E é que “esta e zona de grelos moi bos”, reivindica Sokram.