Loading

Cinco bandas galegas no Osa do Mar

Chega unha nova edición do Osa do Mar cun cartel que ten tres claros protagonistas que, ademais, comparten discográfica. Trátase de Carolina Durante, Kokoshca (velaquí a nosa entrevista con Amaia Tirapu) e La Plata. Un tridente co que aseguran público da man dos primeiros, unha selección de temas inmellorables cos segundos e, en xeral, solventes directos.

A edición deste ano apostou, dun xeito decidido, polos artistas da nosa terra. Algo que, doutra banda, pensamos que é o que debe facer todo festival que reciba unha achega económica autonómica, provincial ou local. Todas elas son moi boas bandas que atesouran gran calidade, pero nós quixemos ofrecer a nosa particular selección

 

Berta Franklin

A banda lucense está en pleno ascenso. Con veteranía (todos pasaron por varios conxuntos previamente) e cultura musical, este quinteto parte de miles de referentes, maiormente americanos, para crear un estilo propio. O soul e o rock fronteirizo do primeiro EP deron paso a un son barroquizado e que lle fai as beiras ao art-rock e ao funk en Somos incendio, tema que da título ao novo EP. Por certo, a súa imaxe está coidadísima e, como exemplo, pódese ver o videoclip dirixido por Rubén Domínguez de Prenom. A produción pulida e limpa que os caracteriza merece unha mención especial.

 

Allova

Unha das mellores propostas de trip-hop feito en Galicia é a desta artista rusa afincada na Coruña. Para os seus referentes hai que botar unha ollada aos anos noventa, aos grupos precursores deste estilo musical xurdidos de Bristol, cunha especial mención a Portishead. Sen embargo, a súa música, en xeral, soa menos electrónica. Nese sentido, parece estar preto do Barry Adamson de Soul Murder. Ela canta, compón e toca o piano. A súa formación inicial é académica, en clásica e jazz, e incorpora moitos destes elementos formais nas súas composicións. Desde a súa actuación na pasada edición do Cortapega non para de medrar en relevancia.

 

Los Jinetes del Trópico

Se a electrocumbia de Esteban & Manuel marabillou no pasado verán, este ano comeza a dar que falar a mestura imposible de Los Jinetes del Trópico. Os de Monforte de Lemos sitúanse entre Xamaica, Colombia e o noso país para poñernos a bailar a todos coa frescura das súas cancións. Imposible non menear un pouco as cachas ao escoitar a súa Cumbia de Muxía na que colaboran as Tanxugueiras. O videoclip é tan surrealista como o propio conxunto: tanto fai un cameo Nacho Vegas coma inefables seres mitolóxicos.

 

Thee Blind Crows

Os de Pontevedra (na foto) son un pelotazo de blues cargado coa electricidade do garaxe e do punk. Se hai que destacar unha virtude desta banda, que ten entre as súas referencias tanto a R.L. Burnside como a Zen Guerrila e tanto a Robert Johnson como a Jon Spencer, é o seu son. Fusionan dun xeito intelixente, crible e non impostado unha morea de referencias do blues e do rock que comezan nos anos vinte da pasada centuria e que chegan ata os nosos días. O seu directo promete ser unha descarga de altísima voltaxe.

 

Los Pontiaks

Este trío vigués declárase amante dos Hot Rods (coches americanos antigos con motores grandes, modificados para ter mellores prestacións) e, pola súa música, diríamos que tamén do surf. As súas influencias son clásicas e, a día de hoxe, canónicas: Chuck Berry, Dick Dale, Ramones o The Cramps integran parte do universo da banda. A particularidade é que son unha banda netamente instrumental… e de influencia integramente americana: a evocación da ruta 66, os moteis e as luces de neón son inevitables. Como curiosidade, o seu batería é  Billy King, personaxe destacado da escena galega, e no seu tema Motel Acapulco participou, nos coros, a ex Killer Barbies Silvia Superstar.