Loading

Boyanka Kostova e a Nova canción galega

Nova canción galega é o nome do futuro segundo disco de Boyanka Kostova. Un álbum polo que Chicho e Cibrán levan agardando demasiado tempo. Un café con eles basta para ver en primeira liña a velocidade á que se moven estes compostelanos. Ao seu ritmo, todo avanza e caduca axiña.

Da Vella canción galega (o seu primeiro disco con La Melona, 2018) á Nova canción galega hai un salto artístico para seguir facendo exactamente o que queren facer. Nin máis nin menos. Aínda que sempre se pode pedir máis.

O úlltimo tema dos galegos chámase Camerino (cun freestyle do Hevi ao final) e é o primeiro no que Cibrán canta con autotune en todo momento. Un recurso que xa empregaran en momentos concretos do tema Colacao e que pode, ou non, ter máis presenza nas cancións que veñen.

“A sensación que tes é que antes tiñamos uns medios e uns límites”, comeza Cibrán. “Tanto musicales como artísticos”, apunta Chicho. “E agora temos outro nivel. Nós desde dentro notámolo moito e desde fóra evidentemente aínda non se nota tanto porque non saíu o segundo disco”, remata Cibrán.

“Antes eu tiña unha caixa de ritmos e pedales de guitarra e agora teño aparatos optimamente deseñados para todos os putos rollos. Entón, antes para facer unha movida máis ou menos guapa digamos que tiñamos que rallarnos un día ou dous e agora para facer unha movida que está guapísima igual cunha tarde chega”, di Chicho.“O ritmo de traballo e o proceso creativo cambiounos a hostia e para moito mellor”, resume.

Seguindo coa canción Camerino como exemplo do novo paradigma que explotará Boyanka Kostova nos próximos meses, Cibrán cóntanos que o videoclip, dirixido por Xaime Miranda, “foi o primeiro cunha produción de verdade, profesional”. 

Chicho e Cibrán preparan no seu local de ensaio en Compostela o seu segundo disco.

E abrimos un inciso na conversa para facer mención ao vídeo de Leiraz, con moitos menos medios pero moi destacábel. “Cuns medios coma os de hoxe tería molado o triple”, confesa Chicho. “Está guai e estamos contentos coa maioría das cousas que sacamos. Realmente é un pouco tamén o noso modus operandi, e vivendi incluso: chegar e encher. Isto hai que sacalo para dentro de dúas semanas? Pois quedamos a semana que vén e logo nos agobiamos durante cinco días”, explica Cibrán. “This is Spain”, bromea Chicho.

O noso modus operandi, e vivendi incluso, é chegar e encher”, sinala Cibrán

Mudou Boyanka Kostova ao fichar por Mushroom Pillow? Ten algún perigo para a identidade da “primeira banda de trap en galego”? “Todo ten un perigo, saír á rúa é perigoso”, avanza Chicho ao instante. “Ser independente ten outros riscos”, di Cibrán, “e o que non arrisca non gana y tal y cual, engade Chicho.

Entón, non hai limitacións no voso proceso creativo? “Non, ademais, desde o punto de vista deles que sentido tería iso? Porque se eles nos queren é porque lles mola o que facemos, que é o que nos dá a nós a gana. Se queren que siga molando terán que respectar iso. Se che mola o curro de alguén o que che mola é que el se debulle e faga o seu á súa maneira”, afirma Chicho. Para eles non existe unha dicotomía entre a liberdade de creación e o contrato cunha discográfica, pois non contemplan a posibilidade de non facer o que lles pete.

Como grupo atoparan un límite (de recursos) que lograron vencer coa colaboración coa xente de Mushroom Pilllow. “Seguimos sendo precarios en certo modo pero a xestión é moito máis fácil. Creo que tamén hai moito do rollo ‘é que eu vou por libre’. Vale, pois eu non. A nós cúndenos ir cun selo que nos axude. Parece que só es guai se ti se ti o guisas e ti o comes”, di Chicho.

E quen quere ser guai? “Iso é tan relativo… que é ser guai?”, resposta Chicho. “Iso é moi relativo, é subxectivo de cada persoa”, sinala Cibrán. “Para min ser guai é facer música e andar con iso por aí adiante”, sigue Chicho.

“A min o que me gusta é comer en restaurantes e tocar en sitios. E gracias a isto podo facer o que me gusta, iso é moi guai. Non en plan ‘son o puto amo’, pero podemos facer as cousas que nos molan e non todo o mundo pode”, razoa o Chicho. 

A nós cúndenos ir cun selo que nos axude. Parece que só es guai se ti o guisas e ti o comes, afirma Chicho

O pasado verán falabamos con Chicho, daquela sobre todo de Esteban&Manuel, e contábanos que o seu obxectivo era que a xente o pasara ben e bailase coa súa música. “Cremos que hai que desacartonar esa idea de que cando vas a un sitio teñen que darte unha chapa con algo. Os nosos concertos non van de chapas morales a nadie”, explica agora.

“Cada un ten que ter o seu rollo, se a ti te mola que che dean un mitin nun concerto é perfectamente lexítimo. Eu pásoo moitísimo mellor nun concerto no que un personaxe facendo o subnormal e dicindo subnormalidades sen sentido que cun notas que me está contando as novas en rima”, achega Cibrán.

Con todo, ambos matizan que iso non significa que o que pasa no mundo non lles importe. De feito, baixo unha imaxe de despreocupación absoluta, nas súas cancións atopamos certa reflexión e análise da realidade na que viven.

“Hai reflexións porque é imposible separar”, razoa Cibrán, “aínda que queiramos ser apolíticos ou o que sexa que queiramos ser é inevitábel que haxa algo de reflexión nas nosas cancións por moito que sexan para pasalo guai”. “Realmente o que facemos é contar o que nos pasa e o que temos preto”, engade.

Facemos música moi seria, que está pretendida para ser escoitada seriamente, dende o humor e o cotián”, di Cibrán

“A nosa música é como nós a concebimos, que é chegar ao local e pasalo guai. Non hai unha premeditación. É o que salga, e nos bolos iso vese”, di Chicho. “É o que digo eu sempre, a frase de SFDK: ‘hago música seria y me tomo la vida a broma’. Nós facemos música moi seria, que está pretendida para ser escoitada seriamente, desde o humor e o cotián”, sinala Cibrán.

O Trap e o galego

As etiquetas para Boyanka Kostova móvense entre o “primeiro grupo de trap en galego”, “trap rural” e as súas variantes. Eles afirman que non teñen problema con que a xente lle poña un nome ás cousas para comprendelas, menos aínda se esas etiquetas lles benefician.

“Sempre nos pareceu gracioso o rollo pose de ser daquí e ir de ‘teño unha pistola’… Meu, que pistola vas ter! Terás unha escopeta de balíns ao sumo. O que me fai gracia é que veñas aquí e me digas que me vas pegar un tiro. En España realmente o único trapeiro de verdade é Yung Beef que estivo na chatarra, na droga e cousas desas… O resto da peña somos todos trapeiros do palo, por chamalo dalgún xeito. Somos peña que adaptamos o son porque nos molou, e xa está. Apropiación cultural a tope”, revela Cibrán. 

As próximas datas de Boyanka Kostova son no Festival de la Luz e no Barbeira Season Fest.

Respecto do uso do galego, os dous salientan que ten “máis posibilidades que barreiras”. Este ano estiveron en Alicante, Madrid, Sevilla, Bilbao… e en festivais grandes. “Se ti botas unha vista a estes últimos anos atopas que o Hevi (Malandrómeda) foi o disco do ano 2016 para a Rockdelux en España, que hai xente agora mesmo como Baiuca ou Mercedes Peón que o están petando realmente… O que antes pasaba aquí, moi intensamente pero se quedaba aquí, agora a peña se está decatando de que mola”, conta Cibrán.

Aínda que sempre haberá que facer fronte a ese ‘autoodio’ tan noso. “Faime gracia cando che din: é que o galego… E iso o di un pavo ao que lle mola Kendrick Lamar que no instituto sacaba ceros en inglés. Hostia, non sei, replantéate as movidas! Ti ao Kendrick que lle entendes? O rollo é mental. Se ti mesmo limitas o teu camiño obviamente non vas avanzar”, exemplifica Chicho.

O que antes pasaba aquí pero se quedaba aquí, agora a peña se está decatando de que mola”, apunta Cibrán

“En Galicia temos moito autoodio, é verdade. Non se dubida que Rosalía o ía petar cantando en catalán porque os cataláns están orgullosos de falar catalán”, asegura Cibrán, que cree que hai “pasiños” dos galegos na mesma dirección. “Igual é que nós vivimos unha burbulla”, engade ante a realidade que expón Chicho: “Que chaval menor de dezaseis anos na Coruña fala galego?”.

Entón ambos atopan un exemplo deses “pasiños” cara ao cambio: Sabela, a concursante da última edición de Operación Triunfo. “Saír a cantar en galego en prime time nunha televisión nacional é un paso da hostia”, concede Cibrán. “E nun programa híper hypeado como é OT ademais”, agrega Chicho. 

Modus vivendi

Durante a conversa, por momentos atropelada, que mantemos con eles nunha terraza da Rúa Nova de Compostela o Chicho dá cun resumo de como é o modus vivendi de Boyanka Kostova: “Nunca parar de currar, nunca durmir e pasalo ben”.  

Chicho está a reeditar o éxito do verán pasado do dúo Esteban&Manuel, agora en solitario, co seu novo proxecto de cumbia, ORTIGA, e Cibrán ten dúas colaboracións con Mundo Prestigio: a primeira xa viu a luz, é o tema Segunda Parte e pertence ao primeiro EP homónimo da banda viguesa.  

Non paran. “Sempre queremos facer movidas que son inalcanzábeis a nivel temporal, por pura física e lóxica”, lamenta Cibrán. “Así levamos sempre anos de atraso no noso traballo. Por exemplo, cando saíu Leiraz xa tiña cinco anos”, sinala Chicho. As circunstancias actuais son máis favorábeis, veremos a onde chegan con ese novo disco do que só coñecemos o nome.  

Sempre queremos facer movidas que son inalcanzábeis a nivel temporal, por pura física e lóxica”, di Cibrán

Por último, pedímoslle a Chicho e Cibrán que saquen o móbil e miren que artistas escoitaron recentemente e atopamos a mesma mistura de estilos da que fixeron bandeira nas súas carreiras musicais. O Chicho conta que estivo dándolle caña a J Balvin, Omega e Derby Motoreta’s Burrito Kachimba; mentres que Cibrán enumera que na súa lista están Papi Trujillo, Jon Z, El Alfa, Soto Asa… Anotamos as recomendacións e as datas dos seus próximos concertos: o 30 de agosto no Festival Agrocuir da Ulloa en Monterroso, o 7 de setembro no Festival de la Luz en Boimorto e o 21 setembro no Barbeira Season Fest en Baiona. 

 

Unha entrevista de Ana González Liste