Loading

O director e guionista Andrés Goteira (Meira, Lugo) batallou moito para sacar adiante Dhogs, o primeiro filme rodado en galego que se estreou en Sitges, co que gañou 13 dos 17 premios aos que optaba nos Mestre Mateo do ano 2017. O éxito non minguou a súa autoesixencia e xa está a debullar tres novos proxectos: Starmuck, Welcome To Ma Maison e O monstro, o lago e as campás. Adentrámonos neles nesta conversa que anticipa un outono emocionante para o lugués.

Starmuck (A pequena variación)

Starmuck (A pequena variación) está nunha fase que Goteira define como “primeira revisión de guión”, un texto que compartiu cun reducido grupo de xente no pasado Festival de Cans. “Todo me enriquece neste momento”, explica, “contalo é moi importante na hora de vendelo porque podes mirar as caras da xente e saber se entenderon algo ou nada”. 

Transmitir a idea non é doado, do festival porriñés sacou en limpo que debe seguir “mellorando a forma de contar” o proxecto para que chegue a producirse. “A xente non leu un guión, escoitou o que eu expliquei dese texto que está por facer, que está verde, como é lóxico, entón o que recibín foi un feedback desas ideas que transmitín”, aclara.

Andrés Goteira, cámara en man, durante a rodaxe da súa primeira longametraxe de ficción, Dhogs.

Starmuck é unha historia multicapa que presenta unha realidade paralela. “Son historias diferentes que ao final de todo se revolven e se xuntan. Paréceme difícil de contar, non hai unha liña continua, son voltas de porca para ir almacenando cousas, por iso resulta máis complexo explicar e convencer á xente con esta idea”, sinala Goteira, que destaca que esta é a razón, tamén, pola que resulta tan interesante ir soltando as ideas que ten na cabeza para ver como reacciona a xente. “Cantos máis encontros co público, mellor”, resume.

Todo me enriquece neste momento, mirar as caras da xente e saber se entenderon algo ou nada

Así describe a esencia da que será a súa segunda longametraxe de ficción: “Imaxina que na túa vida hai deses momentos que son claves, que tes un problema moi grave ou algo así. Pois imaxina que puideras dividirte en dúas vidas e vivir ambas: o momento no que decidiches ir por un lado e o que optaches por ir polo outro. Isto levado a un momento de suicidio, dunha situación transcendental de vida. Vives a vida na que te suicidaches e na que non”.

“Parece que só hai un protagonista da historia pero en realidade son tres protagonistas os que van liando as cousas até chegar a esa desviación. Por iso chámase Starmuck, pero tamén A pequena variación. Son esas pequenas variacións que poderían ter as nosas vidas, pero que como só temos a posibilidade de vivir unha, as outras posibilidades quedan a un lado”.

Un alto na rodaxe do documental Welcome To Ma Maison, protagonizado por Igor Fernández.

Goteira explica que xa ten en mente algún nome para a parte artística da película, pero aínda queda moito. Vai ter tempo para pensar. “Como vai ser tan longo o proceso de encontrar financiación para a peli, aínda non teño présa por poñerlles rostro a estes personaxes, pero é algo que me gusta moito facer. Creo que hai que darlle moita importancia á parte do reparto e buscar ese personaxe que sexa moi parecido”, reflicte.

O equipo para este segundo filme segue a ser o mesmo –os de Meira– que traballan a través da súa produtora, Gaitafilmes. Neste caso Suso López e Goteira están máis centrados na produción executiva, Laura Doval leva a comunicación e outras moitas cousas e Adrián Folgueira está máis centrado noutros proxectos pero tamén está a botar unha man na produción.

Starmuck son esas pequenas variacións que poderían ter as nosas vidas

“Somos os de sempre. E na parte de guión teño a un sarriano, Iván Cuadras, que me está axudando a escribir… Pouco a pouco a cousa vaise ir agrandando. As cousas comezan en pequeniño nunha habitación e rematan con cen persoas traballando. Queremos que o equipo técnico sexa o máis continuísta posible respecto a Dhogs porque nos sentimos cómodos, somos xa coma unha familia”, apunta o director.

Welcome To Ma Maison

A cabeza non para. E mentres avanza no proceso de escritura deste ambicioso guión, Goteira xa ten rodada a metade dun documental moi cinematográfico: Welcome To Ma Maison (Benvidos á miña cabeza). “Xa teño montados 60 minutos para ver por onde van os tiros e en novembro rodaremos outra fase. Estou moi contento co que hai aí”, confesa.

O documental conta cun único protagonista, Igor Fernández, de 24 anos e natural de Lugo, que é investigador de cine e intérprete. Acaba de rematar unha tese sobre o director danés Nicolas Winding Refn (Drive, Bronson, Pusher) e sobre o cinema fantástico en xeral. “El está nun momento de búsqueda, de atopar o camiño. Son idades complexas con respecto á química do cerebro, queres moitas cousas e non sabes o que queres. Un momento confuso pero súper enérxico”, lembra Goteira.

O director lugués acadou 13 galardóns nos Premios Mestre Mateo da edición do 2017 co seu primeiro filme.

Igor quere escribir un libro sobre o cinema de Nicolas Winding Refn e, para iso, chegar a el. Pero están en chanzos diferentes, hai como unha distancia de fan a ídolo. Aínda que Igor non é un fan calquera, profundou moito no seu cine e quere que o director lle axude na súa nova etapa de investigador. “O bonito disto é a parte íntima, o que hai detrás, desde que escribes esa tese até que chegas ao teu ídolo. Iso é o que me está a gustar rodar”, confesa Goteira.

Pero non podemos falar de documental ao cen por cen porque o que sucede na pantalla non é todo realidade, pois o protagonista é actor. Goteira cóntanos que hai un momento no que Igor lle di á cámara: “Eu non sei se estou vivindo a máscara ou a persoa. Hai momentos no que non sei quen son”. “O espectador, e incluso eu, –sinala o director– estamos confundidos en moitos momentos porque non sabemos se estamos vivindo unha realidade ou unha ficción”.

En moitos momentos non sabemos se estamos vivindo unha realidade ou unha ficción

Benvidos á miña cabeza é realmente un híbrido, transita do documental á ficción constantemente. “Quizais non lle podo chamar documental, pero estou rodando a vida dun actor, dun investigador de cine. Hai moito cine na súa cabeza, moita ilusión e moito soño. É moi difícil diferenciar a realidade da ficción”, explica.

“A búsqueda interior é primaria. Son cousas que nos pasaron a todos, polo tanto a empatía é a mesma. Soa a complexo en canto ao seu obxectivo e á mistura desa máscara/persoa… pero ao final onde che vai tocar, se che toca, vai a ser na empatía esa que tivemos (ou teremos) todos”, di Goteira.

 

O cineasta de Meira coñeceu a Igor Fernández nun curso de introducción ao audiovisual que impartiu en Lugo e encontrouse con el de novo cando foi con Dhogs ao Festival de Sitges, no que el estaba a facer críticas para unha revista. “O seu amor polo cine gustoume moitísimo e a súa personalidade tamén. Tempo despois faloume da súa investigación e gustoume aínda máis”, lembra.

Para este proxecto, Goteira conta cunha axuda da Agadic que lle permitiu avanzar máis rápido que con Dhogs. Nun ano de traballo xa ten máis da metade rodado e un plan para o resto, que poderá rematar este ano.

O monstro, o lago e as campás

Porén, a carteira de proxectos de Andrés Goteira non remata aquí, no caixón ten un tesouro máis: O monstro, o lago e as campás. “É un proxecto de cinema experimental. Sen un guión preescrito, que me gustaría que se fose definindo na propia rodaxe. Algo sinxelo, de localización única, pero cun fondo levado aos monstros que temos dentro aos que lles temos medo. Todo moi cru, fantasioso, coma o cine mudo que había antes”, conta.

A súa intención é construír a peza audiovisual no momento da rodaxe, quere levar a experimentación ao máximo. Buscar un lugar onírico para localizar a acción e contar cun personaxe que se traballe a si mesmo. “E deixar que pasen cousas”, engade.

Todo moi cru, fantasioso, coma no cine mudo que había antes

Aínda non hai nada pechado, “agora mesmo é algo que se asemella ao cine mudo máis xestual, pouco dialogado e con monstros”. Un proxecto que pode estar inspirado dalgún xeito no mítico Frankenstein e nos monstros de Holy Motors. 

Cada cousa ao seu tempo, o director de Meira vai saltando dun proxecto a outro para non ficar nunca parado. Goteira forma parte do xurado do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) xunto á actriz María Vázquez e ao actor Xulio Abonjo. Esta edición celébrase entre o 6 e o 14 de setembro con cifras récord: a proxección de 128 filmes dos que 70 se verán por primeira vez en Galicia.  

 

 

A súa experiencia con Dhogs (que se pode ver na plataforma Filmin) é para el un exemplo de cinema de guerrilla, de batalla, dunha loita prolongada no tempo que só se pode facer unha vez nada vida, pois “non debería ser tan difícil”.  

Goteira di que non pode afirmar que haxa unha industria cinematográfica en Galicia. “O noso é supervivencia pura”, sinala. O cofundador de Gaitafilmes destaca que hai moitas produtoras que fan un “cine diverso”, con proxectos que precisan máis repouso e outros máis de fórmula. “Creo que hai un xerme moi bonito de produtoras pequenas que están facendo o cinema que queren, traballando desde as almas. Non temos que envexar nada aos doutros lugares. Témolo todo, aquí o que falta é máis avance, máis querernos e encontrar esa maneira de potenciarnos moito máis; e creo que isto chegará”, asegura. 

Témolo todo, aquí o que falta é máis avance, máis querernos e encontrar a maneira de potenciarnos moito máis

Para o lugués o momento actual do audiovisual é bo pese a non saber “que carallo pasa co cine” porque a xente non vai ás salas. “Hai cada vez máis festivais, pero a xente non vai ao cine. Igual triunfan as plataformas online… Non se sabe… Estamos nun momento moi de series pero o risco e a orixinalidade está nas pelis”, engade.

A curiosidade polo cinema que se fai en Galicia está a medrar, así o percibiu con Dhogs e nas súas conversas con compañeiros de fóra. Neste sentido, Goteira coincide en que as películas de Oliver Laxe, e a súa visibilidade en certames coma o de Cannes, “axudan moito”. Lonxe de competir, o de Lugo aposta por quererse e potenciar o da casa; boa filosofía.

Unha entrevista de Ana González Liste