Loading

O folk galego na encrucillada

30 de maio de 2019, día da Ascensión en Compostela. Na data grande para os picheleiros o espectáculo Lorca Namorado, na praza da Quintana, liga o jazz con tres culturas peninsulares: a portuguesa, a flamenca e, por suposto, a galega. Na retina e os oídos de moitos dos que asistimos fican, entre outras instantáneas, a protagonizada polas voces de Arcángel, Salvador Sobral e Davide Salvado. Desa conexión entre distintas músicas, algo común á modernidade, xurdiu a pregunta de cal é a situación do folk galego na actualidade. Para abordalo, falamos con Aitana Cuétara, management e programadora de Luneda producións, e con Alberto Balboa, coordinador do festival de Ortigueira. Buscando unha visión foránea decidimos completar este percorrido coa autorizada voz de José Miguel López, director do programa Discópolis de Radio 3

Segundo Aitana Cuétara “o folk mudou moito e (…) cada vez hai menos grupos como os que tiñamos na cabeza”. Pon o exemplo canónico de Berrogüetto e di que esa fórmula, máis común nos noventa, está caendo en desuso pero con fantásticas excepcións como Os D’abaixo.

Sinala Alberto Balboa que “se aprecian novas e interesantes tendencias” e destaca “certo incremento das agrupacións vocais (…) e sobre todo a consolidación do mundo da música tradicional: con bandas e agrupacións culturais de todo tipo”.

Davide Salvado, Salvador Sobral e Arcángel no Lorca Namorado

Entre as formacións vocais poderíase destacar a Xabier Díaz, Davide Salvado ou As Tanxugueiras que “están revisitando a tradición e facendo cousas realmente interesantes partindo dela”, indica Aitana. Para ela, “o folk actual diríxese, totalmente, a perder a etiqueta”.

Non o percibe como algo negativo, “simplemente, é que mudou”. Agora mestúranse moito os estilos e o tradicional engade rock, hip-hop ou electrónica e, posiblemente, o mellor exemplo desta transformación sexa Mercedes Peón.

O folk actual diríxese, totalmente, a perder a etiqueta”. Aitana Cuétara

Pola contra, Alberto Balboa expresa nun ton máis combativo que “se o folk o entendemos como todo o que temos nun país relacionado coa nosa cultura, non perde a etiqueta. O que hai que facer é respectar a nosa cultura”, sentenza. E suxire que “o folk galego hai que relacionalo coa cultura atlántica e cos vínculos que [aí] poidamos ter. Así seremos máis fortes”.

Tampouco hai un acordo entre Aitana e Balboa ao falar do respaldo do público. A primeira lamenta que “a proposta de moda funciona e o resto cómense os mocos (…) Ves concertos doutras músicas, con bandas mediocres que están cheos”. Afirma que se programas a un grupo gratis nunhas festas patronais e coincide cunha noite estupenda, a praza vai estar chea. O problema vén “se o propós con venda de entradas”. Segundo ela, “fóra de Xabier Díaz, ninguén consegue encher”.

Instantánea dunha actuación no festival de Ortigueira

O responsable do festival de Ortigueira oponse a esta tese e sinala que “os concertos teñen xente (…) sempre que teñan un chisco de calidade e que exista unha lóxica co prezo das entradas”. Queda no aire, polo tanto, a cuestión de canto está disposto a pagar o público por un concerto ou espectáculo de folk.

No apoio institucional si que hai un punto de encontro e os dous sinalan que, aínda que sexan os menos, hai concellos que fan unha aposta pola música tradicional. Aitana destaca aos “gobernos que teñen certa sensibilidade que o que fan é arriscarse. É dicir, que lles dea igual que haxa cen persoas ou mil, que buscan algo de calidade. [Deste xeito] están a facer un gran labor para educar ao público”. Sen embargo, lamenta o mal gusto dalgunha corporación local que “programa un concerto de folk no intermedio da orquesta”.

O que debería ser o maior motor da cultura galega coxea. Refírome á Xunta e a AGADIC, que lle aplican o garrote vil [á música tradicional] para apoiar propostas de fóra”. Alberto Balboa

Onde vemos unha crítica dura, en ambos casos, é ao falar do goberno autonómico. “O que debería ser o maior motor da cultura galega coxea por todos os sitios. Refírome á Xunta e a AGADIC (…) que lle aplica o garrote vil [á música tradicional] para apoiar outras propostas de fóra, pisoteando o que nos queda da cultura propia”, denuncia Balboa.

E, segundo Aitana, “teñen a obriga de programar esa música para cubrir o expediente, pero está totalmente maltratada”. Pensa que “se a poden dinamitar, mellor”.

Os d’Abaixo. Soberbia renovación “do folk de sempre”.

Balboa enriquece o debate sobre os apoios ao folk referíndose á formación e a divulgación. É dicir, “ao traballo que están a desenvolver as escolas municipais de música, os conservatorios tradicionais e clásicos, as asociacións culturais e as centos de bandas existentes en Galicia”. E, en última instancia, sería interesante ver como se podería introducir este estilo na formación regrada, en tanto que é parte esencial da nosa cultura.

Os festivais ábrense

Hai unha tendencia recente a que algúns festivais de folk (tamén sucede cos de jazz ou indie) se abran a outros estilos. Aitana explica que “como programadora vexo que hai moito grupo [folk] de nivel medio, pero menos grupos potentes. E os festivais engaden outras propostas porque non atopan un cabeza de cartel”.

[a mestura doutras músicas co folk] non é mala, pero non podemos esquecer as nosas raíces e o noso patrimonio”. Alberto Balboa

Balboa, como director do festival máis importante de Galicia, sinala que “hai uns conceptos, pero nada impide que te sintas identificado cun desenvolvemento ou mestura de tipos de música”. Para el a aliaxe “non é mala, pero non podemos esquecer as nosas raíces e o noso patrimonio”, advirte.

Por iso ten claro que “as bandas de gaitas, os concertos e a xente que se achega son os puntais básicos do Festival [de Ortigueira]. Pero tamén o é a cultura dos países atlánticos”. E por que non teñen tanta visibilidade? Pois porque “non temos a forza doutras representacións culturais máis potenciadas desde Madrid”, conclúe.

A exportación do estilo

Un pouco de autocrítica: Alberto Balboa sinala como unha das dificultades da exportación do folk “as rivalidades entre os artistas e os músicos, [onde] o xogo limpo non sempre funciona”. Sinala que “si a un festival vai un grupo, xa sabes que outras bandas o acompañarán. E chegamos á marxinación dos que non están nese círculo de poder. Fundamentalmente, no perímetro de Compostela”. Todo isto lévao a reflexionar que “seguimos facendo cousas para nós e non sabemos nin queremos exportar a nosa cultura”.

Caldo. Cordas e voces para a poesía folk

Segundo Aitana Cuétara “a música folk internacionalízase con axudas do goberno. É o único xeito”, afirma. Ademais, critica que “o AGADIC ten unhas liñas de axudas para a distribución exterior que están mal organizadas”. E pon un exemplo concreto: “Levei a Davide Salvado a Madrid, a un encontro con programadores de altísimo nivel. O artista interesoulle a dous festivais moi potentes: un en Corea e outro en Chile. Estou buscando financiamento privado para poder ir. Vannos pagar un caché que está ben, pero non cobren os billetes internacionais e isto é o que pasa normalmente. Non é que non consigamos chegar fóra. Si que podemos, pero non temos os medios económicos”.

Incluso, dase unha contradición. “Tennos pasado de facer sold-out en sitios enormes, no estranxeiro, e en Galicia non ser capaces”. É evidente que algo falla se o estilo se exporta con éxito e os artistas e as promotoras non o poden ver reflectido. Para a programadora “levar un artista fóra (…) é un traballo de absoluta militancia”, que pode implicar esforzos tan grandes como pedir créditos aos bancos. Polo tanto, “saír [ao estranxeiro] só depende de que alguén te bote unha man”. E, por suposto, de que siga gustando tanto e mantendo tanta calidade. Ou, como o expresa Alberto Balboa, “se [a nosa música] mantén un criterio propio, o futuro é poderoso”.

Tennos pasado de facer sold-out en sitios enormes no estranxeiro e en Galicia non ser capaces”. Aitana Cuétara

Unha escoita desde o exterior: José Miguel López

Como sinalamos ao principio, solicitamos unha escoita desde a periferia ou, segundo se mire, desde o centro. E temos a sorte de contar coa opinión de José Miguel López, director do programa de Radio 3 Discópolis.

A súa visión é optimista e considera que “a situación da música tradicional galega é boa (…) A variedade é grande e a calidade tamén”. Ademais, resulta innegable o seu apoio sincero. “Pola miña parte, cumprín. Levei a Brath a Moscú en 2018 ao Euroradio Folk Festival. O seu concerto difundiuse por vinte e pico emisoras europeas. En 2001 elixín a Avalon para que fosen a Hungría. En ambas ocasións apadriñados por Discópolis e Radio 3”.

Aliboria. Novas percusións e impresionantes harmonías vocais

José Miguel López destaca a aparición de Berrogüetto e Mercedes Peón como un dos puntos de partida da situación actual. “Con ambos naceu unha nova era. A cantidade de portas que abriron, tanto uns como ela é espectacular”. É posible que a diversidade actual do folk galego non sería tal sen estes artistas.

Polo que el ten visto, “o público internacional responde moi, pero que moi ben, á música tradicional galega”. Ademais, indica que se celebrou o WOMEX (a maior feira internacional de música de raíz) en Galicia en dúas ocasións e “os colegas europeos levaron unha idea importante do panorama existente”.

O público internacional responde moi, pero que moi ben, á música tradicional galega”. José Miguel López

Pero tamén engade outro aspecto que non é para nada menor: estar no lugar e no momento axeitado. Así explica que “unha canción de Luar na Lubre tivo máis éxito que calquera campaña institucional. É algo difícil de repetir, pero así son as cousas”. O certo é que o impacto de O son do ar segue a sorprender: Braid (Jonathan Blow, 2008), un dos videoxogos máis influentes dos últimos quince anos, incluíu o tema na súa banda sonora.

Respecto á perda de etiqueta, explica, nun ton lírico que “o folclore é como un río onde as augas flúen. Ainda que, do mesmo xeito, reivindícanse as formas ancestrais como as practicadas por calquera grupo de pandereteiras”. Unha ollada ao futuro sen olvidar as nosas raíces.

Con [Berrogüetto e Mercedes Peón] naceu unha nova era. A cantidade de portas que abriron é espectacular”. José Miguel López

O locutor fixo referencia a Berrogüetto e Mercedes Peón. Nós engadimos a unha incompleta escolma de grandes nomes os de Xabier Díaz e Davide Salvado. Teñen percorrido no mercado estatal e internacional? “Un exemplo. Cracovia 2016. Estaba con Kepa Junkera baixando do castelo da cidade e encontramos a Mercedes Peón (…) Todos tiñan traballo que facer. Se houbese tempo, estou seguro que alí xurdiría unha reunión musical que, sen dúbida, aportaría bos froitos. A música galega tería maior percorrido internacional se aproveitasen esas oportunidades casuais, pero a sorte hai que buscala”.

Bandas para a nova década

O noso itinerario polo folk galego quedaría incompleto se non botásemos unha ollada aos novos artistas. A nosa selección non está baseada en criterios de mellores e peores artistas, senón que buscamos que exprese a diversidade de propostas actuais. Escollimos estes oito nomes, pero hai canteira suficiente para que puideran ser outros.

Oîma

Este trío descríbese como “música de baile de tradición galega e europea”. Está formado por Antía Ameixeiras, Olalla Liñares e Martiño Senande. Levan de viaxe ao folk galego por toda europa: desde Portugal ata Bulgaria. A aprendizaxe resultante é refrescante e colorista.

Baiuca

É folk Baiuca? Para nós non. O que fai é citar elementos tradicionais dentro da música electrónica. Entón, por que incluílo aquí? Pois porque chega a públicos e escenarios onde o folk non chega. Por exemplo, é unha forma de que unha audiencia máis ampla coñeza aos imprescindibles Xosé Lois Romero & Aliboria, recentes colaboradores (en estudio e nos directos) do músico electrónico, ou á Asociación Xirandela.

Caldo

María Jorge no violín e Pedro Fariñas na guitarra forman este dúo. Colabora, poñendo a súa magnífica voz, Anaïs Barbier. Unha proposta sinxela onde a calidade dos músicos é absolutamente abraiante. O seu disco homónimo está apoiado na tradición galega e en repertorios “de señoras do rural que cantaban moi guai”, segundo afirma a formación. Tamén contan con cancións propias de gran beleza.

Os d’Abaixo

Un conxunto cheo de veteranía onde están, entre outros, membros de Berrogüetto e Fía na Roca. O seu último traballo, Quixera ser dos paxaros, parte de diversos procesos de investigación para crear cancións propias. A contestación a quen di que o folk de sempre está esgotado.

As Tanxugueiras

Aida Tarrío, Olaia Maneiro e Sabela Maneiro son un trío de pandereiteiras chamado a protagonizar a música folk do noso país. O seu primeiro disco, galardoado co premio MIN a mellor álbum en galego, supón unha conxunción dos cánticos tradicionais co pop moderno. Nel participaron artistas tan importantes como Xabier Díaz, Guadi Galego ou Sés.

Caamaño-Ameixeiras

A violinista de Luar na Lubre repite nesta lista, agora acompañada polo acordeón cromático de Sabela Caamaño. As cancións da tradición folclórica vístense coas marabillosas harmonías destas creadoras. Cordas e ventos casan nunha proposta delicada, íntima e persoal.

Dadga

Este cuarteto de cordas, de xuventude abraiante, achégase á música galega facendo escalas en Escocia, Estados Unidos e México. Deste xeito, introducen recursos formais e harmónicos doutras latitudes. Poden ser máis cool os ritmos do folk que os do trap? Por suposto que si. E, desde logo, son moito máis ricos.

Aliboria

Aliboria son un colectivo de novos músicos de Galicia que, baixo a dirección de Xosé Lois Romero, renovan cantos e ritmos. Vello coñecido da música popular galega, colaborou con numerosos artistas. Con Aliboria modernizan a percusión galega empregando elementos tradicionais (pandeireta, pandeira, cunchas, lata, bombo…) e sorprenden coas harmonías das súas voces. Un xogo espectacular coa polifonía.

*Na imaxe da portada o dúo Caamaño-Ameixeiras